Páginas

MIRADAS sentimento AVENTURAS medos LEDICIAS encontros PAISAXES olores CAMIÑOS emocións AGARIMOS

Se está nun libro, nós témolo. Só tes que entrar e ver. Este é o blogue da Biblioteca Asorey e do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Francisco Asorey.

viernes, 2 de junio de 2017


Celebrouse  o festival das Letras Galegas cheo de música e cor, onde a poesía, a música, a danza e o teatro se fundiron para crear un corpo artístico protagonizado polo alumnado do IES Francisco Asorey, apoiado pola mestría dos irmáns Xesteira que aínda gardan un recunchiño neste instituto.

 O espectáculo foi presentado por Telmo Fontela. Participaron  alumnos de 1º ESO cunha performance co poema de Manuel María “ Bando “;  recitaron Mariña Area, Marta Leiro, Lucía Boullosa, Laura Constantino, Jessica Coejo e  Carlos Rey, estes dous últimos  con poemas propios.  Iago Fraga elaborou e interpretou un conto baseado na vida de Casares. Rapearon  Rubén Domínguez e un grupo de alumnos de 4º ESO C con raps creados por eles mesmos máis unha versión do “Rap da Lingua” de Migallas. Bailaron María Area e Iria Ferreiro ao son da fermosa voz de Paula Romero, que interpretou a composición de Luar na Lubre “Hai un paraíso”. Paula Romero, ademais, puxo voz a unha canción moi coñecida na nosa cultura galega titulada “Lela”. Mariña Costa cantou con voz máxica “ Matriarcas” do álbum musical de Guadi Galego. Anxo Xesteira á guitarra  e a voz  de Mariña Area, deron luz a un poema de Cabanillas titulado “Fouce esquecida”. Alumnos de 1ª Bacharelato A, escenificaron  un relato de Castelao titulado “O pai de Migueliño”, no que Crhistian Castro de 1º ESO C,  se puxo na pel de Migueliño.  O espectáculo rematou coa actuación do grupo profesional “Treboada”.

Parabens!!

jueves, 1 de junio de 2017



Patricia Ares, unha xove Poeta, pero con versos maduros como froitas de reflexión e tempo ferido de fondas experiencias, asalta por vez primeira dende o seu libro REBELDÍA JUSTA, as conciencias e as almas dos lectores necesitados do incendio da Poesía.
Un Poemario cheo de palabras de rebeldía onde navegan afectos, tenruras, xenreiras, admiración e afouteza. Palabras que teñen o eco da vida que transcorre ante os seus ollos. E coa influenza de múltiples artistas, creadores e músicos que, dalgún xeito, definen o seu pensamento e a súa maneira de vivir e sentir, neste mundo multipolar, cambiante e cheo de voces de denuncia e protesta ante as inxustizas, as soidades e as feridas.
Escrito en castelán e cheo desa vizosa enerxia que fai fluir a vida dende versos adicados a Poe, a Brandon Lee, pero tamén as explosións derivadas da Pequena Morte, ou aquel que fala de Perseguir a diario un cadro aínda por pintar…
Noraboa a esta Profesora e Poeta, e os nosos mellores desexos de éxitos e continuidade na actividade creadora de versos e poemas, para acadar esa conexión máxica coa necesaria complicidade dos lectores.
                                        
                                               Domingo Tabuyo Romero.

lunes, 15 de mayo de 2017

2017 ANO DE CARLOS CASARES 


No nº 217 da revista de literatura "Quimera" de xuño do 2002, nunhas páxinas nas que se pretendía achegar ao lector non galego a figura de Carlos Casares, escribía Luísa Castro o artigo " Carlos Casares todavía" no que dicía " Casares, para moitos sectores da sociedade galega, era un bo estratego, un bo guía, un bo capitán. Pero tamén era un bo amigo, alguén a quen lle gustaba botar unha man, a quen lle gustaba vivir, en definitiva".

Xa van alá 14 anos da súa morte e a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2017 salientando  a súa "calidade, a vocación abertamente comunicactiva e o carácter variado da súa obra" así como " un compromiso inequívoco coa lingua galega".

" Estou convencido de que moitas das mellores páxinas que Casares escribiu, escribiunas só coa voz e levounas o vento. Algo grande daría eu por recobralas". (Basilio Losada, no nº 217 da revista Quimera).


martes, 25 de abril de 2017

MICRORRELATOS

Un ano máis comezou unha das semanas máis creativas no Asorey. O Día do Libro conmemórase dende a Biblioteca e o EDLG co Certame de Microrrelatos no que participa todo o alumnado de ESO e 1º de Bacharelato e, xa estamos na décima edición!

Como vén sendo costume, os microrrelatos han de estar inspirados nalgún dos motivos que se ofrecen dende a organización. Este curso 2016/17 a musa que visita aos nosos alumnos e alumnas non é outro que o albariño. O viño, as vides, as copas, as botellas, a terra, a paisaxe, a vendima… As nosas microhistorias súmanse deste xeito ás celebracións de Cambados, capital europea do viño


jueves, 16 de marzo de 2017

O 13 de marzo tivemos a sorte de contar coa presenza de Yolanda Castaño. A poetisa galega, de gran proxección tanto nacional como internacional e gañadora de numerosos premios literarios,  ofreceunos un obradoiro de poesía.
Con ela fomos descubrindo a súa andaina polo mundo das palabras, dos versos. Achegounos á poesía  lembrándonos e facéndonos ver que a lingua non só está aí para comunicar unha realidade sen máis, senón que con ela, podemos explorar un sinfín de sensacións e emocións que antes permanecían silenciadas en nós. Só hai que pescudar, perseguir a verba axeitada, a máis apropiada e xogar co seu son , co seu significado.

Mariña Area recitou un poema de Yolanda Castaño na súa presentación

lunes, 13 de marzo de 2017

O 8 de marzo de 1857 un grupo de obreiras téxtiles saíron ás rúas de New York alzando á súa voz contra a desigualdade laboral, protestando polas míseras condicións nas  que traballaban.
Moitos foron os movementos que se sucederon dende entón para reclamar a igualdade salarial, a diminución da xornada laboral e, en definitiva, a igualdade social. Non foi ata 1975 cando a ONU institucionalizou o 8 de marzo Día Internacional da Muller Traballadora.
Mais, é agora, no 2017, cando se suma a esta conmemoración un berro contra a violencia de xénero. Miles de mulleres participaron este 8 de marzo no Paro Internacional. De novo, saíron ás rúas demostrando así, que se as mulleres se paran, para o mundo.
O IES Francisco Asorey sumouse a esta iniciativa e tanto o alumnado como o profesorado e persoal non docente parou a súa actividade, entre as 12.10 e as 12.30 da mañá.
Ademais, dende a Biblioteca e o EDL elaborouse unha pequena exposición coa que podedes constatar que a día de hoxe, a desigualdade laboral e social entre mulleres e homes, aínda segue a existir, de forma evidente, no noso propio país.